Adóitase pensar que as linguas son neutrais. Que aprender inglés, francés ou español é unha simple cuestión de comunicación ou de utilitarismo. Algúns insisten en que o idioma non ten ideoloxía, que é só un vehículo. Pero é realmente así?
Ngũgĩ wa Thiong’ou móstranos que a linguaxe nunca é inocente. O seu uso, a súa expansión e o seu status son produto de relacións de poder. Se o inglés domina o mundo, non é pola súa facilidade gramatical nin pola súa suposta eficiencia, senón porque foi a lingua do imperio, primeiro británico e logo estadounidense. Con todo, o que máis me sorprende non é esta hexemonía en si mesma, senón a forma en que a temos interiorizada. Aceptamos sen cuestionar que certas linguas son “globais” e outras son “locais”, que unhas abren portas e outras son un límite. Pero quen decidiu isto e con que intereses?
O dominio do inglés non é só unha herdanza do pasado colonial, senón un proxecto activo no presente. Estados Unidos non impón a súa lingua con prohibicións explícitas, como fixeron antigamente as potencias coloniais coas linguas indíxenas. Faino de forma máis sutil, a través do cine, a música, a tecnoloxía, a ciencia, … sen esquecernos da diplomacia. Falar inglés hoxe non só é unha vantaxe, senón case unha necesidade para participar na economía global.
Este neocolonialismo lingüístico tamén está ligado ao control cultural. O primeiro exemplo que se me ocorre é o de Hollywood. Non se trata só de que as películas estadounidenses dominen o mercado mundial, senón de que as historias que se contan nelas moldean a nosa visión do mundo. En moitos países, xeracións enteiras creceron vendo a historia desde o punto de vista estadounidense: a Segunda Guerra Mundial é a vitoria dos aliados con EE. UU. como protagonista, a Guerra Fría é o enfrontamento entre o “mundo libre” e o comunismo, e os conflitos en Oriente Medio ou América Latina preséntanse como problemas que só Washington pode resolver.
O dominio do inglés non é só unha herdanza colonial, senón unha estratexia activa do neocolonialismo estadounidense. Non se impón con leis, senón con economía, cultura e, cando é necesario, intervención directa (como é o caso de Vietnam). En Nicaragua, Washington financiou á Contra nos anos 80 para desestabilizar ao goberno sandinista, e décadas despois, o inglés segue sendo crave para eles. En Angola sucedeu algo similar, pois o respaldo estadounidense a UNITA na guerra civil formou parte dunha loita pola influencia en África. Aínda que o portugués segue sendo oficial, o inglés gañou terreo no comercio e a diplomacia internacional.
Entón, unha lingua convértese en “necesaria” cando o poder impona como tal. O interesante é que este proceso non se sente sempre como unha imposición, senón como unha elección. Pero realmente o é?
Comentarios
Publicar un comentario