Cando pensamos na diversidade lingüística do mundo, adoitamos imaxinar un mapa dominado por unhas poucas linguas principais: inglés, español, francés, chinés mandarín. Con todo, ao enfrontarnos a unha lista das linguas que superan o millón de falantes, moitas nos resultan descoñecidas.
En moitos ámbitos, o número é un criterio chave para a toma de decisións. En medicina, por exemplo, destínanse máis recursos a investigar enfermidades que afectan a unha maior porcentaxe da poboación, co obxectivo de salvar ao maior número de persoas posible. Seguindo esta lóxica, se hai máis de 200 linguas que superan o millón de falantes, por que non están presentes nos libros de texto ou nos programas educativos? E por que, como estudantes de lingüística, non as coñecemos ou ignoramos a súa existencia?
Por que unhas linguas son máis visibles que outras?
Se existen máis de 200 linguas con máis dun millón de falantes, sería lóxico pensar que deberían formar parte do coñecemento xeral. Con todo, a realidade é distinta. Moitas linguas cun alto número de falantes seguen sendo practicamente descoñecidas fora da súa comunidade, mentres que outras, con menos falantes, gozan de prestixio e recoñecemento. Isto suxire que o número de falantes non é o único criterio que define a importancia dunha lingua.
Linguas invisibles: unha cuestión política?
A lingüística foi historicamente unha disciplina eurocéntrica. O coñecemento sobre as linguas non se desenvolveu de maneira neutral, senón dentro de contextos de poder. As linguas de Europa foron estudadas, clasificadas e estandarizadas, mentres que moitas linguas de África, América e Asia foron consideradas "dialectos", "linguas tribais" ou simplemente ignoradas.
Ao longo da historia, a expansión de certos imperios foi acompañada da imposición das súas linguas sobre outras. En moitos casos, estas linguas non só se estableceron como ferramentas de administración e comercio, senón que tamén adquiriron un status de prestixio, desprazando progresivamente ás linguas locais. Así, a colonización europea levou ao francés, inglés, español e portugués a territorios onde existían outras linguas e co tempo, estas linguas impostas convertéronse nas dominantes en educación, política e medios de comunicación, mentres que as autóctonas foron marxinadas, en moitos casos ata a súa desaparición.
Tendo todo isto en conta, as linguas foron activamente desprazadas con propósitos concretos. Non sería por tanto máis acertado en lugar de falar de "morte" de linguas, utilizar termos como "asasinato" ou "xenocidio lingüístico"?
O perigo da homoxeneización lingüística
O caso do inglés como lingua dominante na actualidade é especialmente relevante. O seu dominio non é só unha cuestión de número de falantes, senón da súa función como lingua de poder: é a lingua do comercio, da tecnoloxía, da ciencia... E xustamente hai unha tendencia a pensar que só o coñecemento expresado nesta lingua ten valor universal e significativo, o cal implica moitos riscos.
Cada lingua implica unha maneira particular de ver o mundo. Os falantes dunha lingua non só comparten un sistema de comunicación, senón tamén unha cosmovisión, unha forma única de entender a realidade. Por tanto, cando as linguas desaparecen, non só se perden palabras ou estruturas gramaticais, senón tamén formas de pensar, de clasificar o mundo ou de interpretar a vida.
Entón, se cada lingua achega unha maneira única de interpretar e cuestionar a realidade, que ocorre cando só unhas poucas quedan en pé? É unha simple consecuencia do cambio ou o camiño cara a un pensamento máis uniforme e moldeable?
Comento aqui todo o blog, Clara. Está bem, em conjunto, com exercícios que mostram a tua dedicação (ainda que em geral resolves os exercícios, não teorizas sobre eles). Mas não aparece nem uma só leitura, nada de teoria... Para aprovar basta, mas se queres uma qualificação consonte à tua participação na aula preciso pelo menos uma entrada mais sobre alguma das leituras. Deve estar subida antes da próxima sessão. Obrigada
ResponderEliminar